Friday 10 de May de 2024

As “Pequenas crianzas coa arte” volven á Casa da Cultura de Fene


A exposición do alumnado da Escola Infantil “A galiña azul” de Fene amosa traballos realizados polos/as nenos/as coas súas familias

A sala de exposicións temporais da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene acolle ata o vindeiro martes 31 de maio a exposición “Pequenas crianzas coa arte”. A mostra recolle unha compilación de pinturas e esculturas realizadas polos alumnos/as da Escola Infantil “A galiña azul” de Fene. As obras foron confeccionadas por nenos/as de 1-2 anos e de 2-3 anos en distintos talleres nos que tamén participaron as súas familias.

A exposición “Pequenas crianzas coa arte” encádrase no programa “O tempo das artes”, un ciclo no que a música, a pintura, o teatro e a escultura cobran relevancia no quefacer diario deste centro infantil. O programa artéllase en torno a diferentes espazos para a creación nos que os pequenos/as convírtense en grandes artistas “que gozan mergullándose en cores, formas, texturas e sons”.

“Pequenas crianzas coa arte” amosarase ata o vindeiro martes 31 de maio na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene. As persoas que queiran visitala poderán facelo de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas y de 16.00 a 21.00 horas, e o sábado, de 10.00 a 13.00 horas.

Ademais, mañá mércores, 25 de maio, os alumnos/as das unidades de 2-3 anos da E.I. A Galiña Azul de Fene visitarán en horario de mañá a súa exposición e tamén a Biblioteca Municipal Pérez Parallé de Fene onde asistirán a unha sesión de contacontos a cargo de Charo Pita (organizada pola Concellería de Cultura e Ensino). Tamén asistirán á proxección do audiovisual “Tempo das artes” no salón de actos da Casa da Cultura de Fene.